Comunicar a ciencia non é fácil (pero ha quien o fai de marabilla)

Comunicar a ciencia non é fácil (pero ha quien o fai de marabilla)
Enabled reading mode

Comunicar a ciencia, a innovación ou o patrimonio cultural pode chegar a supoñer unha auténtica misión imposible. Non, non abonda con que un descubrimento sexa abraiante. E tampouco é suficiente con que un proxecto teña un impacto global. Se non se conta ben, pérdese no medio do balbordo de información. O reto? Que comunicar ben non significa só traducilo a “linguaxe doada”, coma se lle falases a un neno pequeno. No fondo, é crear unha historia, construír un relato que conecte –o famoso storytelling– coas persoas, que esperte emoción e que consiga que alguén que nunca pensou na física cuántica diga “Oe, pois que chulo”.

Porque si, a ciencia tamén se conta. E vívese. Como unha boa serie. Ou como ese libro que non podes soltar. Agora ben, todo depende de como o narras. E, aínda que non é tarefa doada (se traballas en investigación seguro que algunha vez levaches as mans á cabeza ao intentar comunicar ao teu círculo próximo o proxecto no que invistes o teu tempo), o certo é que hai quen o fai de marabilla. Coñecías estes exemplos?

#LHCFirstBeam – O día que o CERN o petou nas redes

No ano 2022, tras anos en pausa, o CERN volveu acender o Gran Colisionador de Hadróns, tamén coñecido como LHC, un dos instrumentos máis sofisticados do planeta. Noutras palabras, todo un momentazo para a física de partículas. Pero, como fas que algo tan técnico como unha “colisión de protóns a velocidades case relativistas” se volva viral?

O CERN decidiu apostar por convertelo nunha experiencia en redes. Algo que pode parecer fácil pero que, en realidade, non o é tanto. A través do hashtag #LHCFirstBeam, lanzaron contidos explicativos, animacións, entrevistas in vivo, e mesmo memes con referencia á actualidade da cultura pop. Si, memes de física!

Desta maneira, o que parecía inabordable e realmente complexo para a maior parte da poboación, acabou por converterse nun fenómeno accesible e entretidísimo de seguir. O truco? Non simplificar, senón conectar e comunicar: usar a linguaxe das redes sen perder o rigor, amosar ás persoas detrás do experimento, e conseguir que medio mundo se interesase por… colisionadores!

Atapuerca: unha saga humana

Se houbese que dar un premio á comunicación máis consistente das últimas décadas, en ingenyus* apostariamos sen dúbida por Atapuerca. Durante máis de 40 anos, o equipo investigador soubo construír unha narrativa coherente, profunda e próxima arredor dun dos xacementos arqueolóxicos máis importantes do mundo, logrando que descubrimentos de hai milleiros de anos se conten coma se fosen novas de actualidade.

Grazas á súa presenza constante nos medios, aos seus libros, museos, documentais e accións educativas, Atapuerca conseguiu crear unha comunidade interesada que, ademais de entender máis de fósiles ca nunca, sente que eses ósos contan a súa propia historia.

Así, o que fixeron vai moito máis alá de comunicar ciencia: lograron narrar unha historia sobre quen fomos e, no fondo, sobre quen somos. E iso, para que enganar, cando se fai con linguaxe claro e emoción, transcende a especialización e chega a todo o mundo.

Contagious Cities: pandemias con estilo

Un ano antes de que a COVID chegase ás nosas vidas e nos fixese experimentar todas as consecuencias das pandemias (ou polo menos, nos convertese en expertos no uso de xel hidroalcohólico), o proxecto Contagious Cities, lanzado pola fundación Wellcome Trust, xa nos falaba de como as enfermidades contaxiosas foran moldeando as cidades ao longo da historia.

E como comunicalo? Pois unindo arte, ciencia, historia e urbanismo en exposicións simultáneas en cidades como Londres, Nova York ou Hong Kong. É dicir, unha auténtica clase de saúde pública con estética de museo moderno. A clase á que todos nos tería gustado asistir, verdade?

Charlas, obradoiros, debates… e moita reflexión sobre como nos afectaban as crises sanitarias. Spoiler: foi un aviso e unha lección máis que clara do que estaba por vir só un ano despois. Pero, polo menos, foi unha mirada crítica, que nunca está de máis.

Rosetta: a ciencia con final de película (literalmente)

No ano 2014, a sonda Rosetta da Axencia Espacial Europea logrou unha fazaña histórica: aterrar sobre un cometa por primeira vez. Un fito espacial que si, foi tan incrible como tolo soa. Porén, o mellor non foi iso, senón como o comunicaron.

A ESA decidiu construír toda unha narrativa arredor da misión que ía moito máis alá dos datos técnicos, e apostou por un enfoque emocional e visual. De feito, mesmo decidiron contalo coma se se tratase dunha película! Produciron unha curtametraxe de ciencia ficción chamada Ambition, protagonizada por Aidan Gillen (si, o de Xogo de Tronos), que serviu como unha especie de gancho emocional para explicar a misión.

E por se fose pouco, crearon personaxes dixitais para Rosetta e Philae, que interactuaban nas redes sociais, coma se se tratasen de protagonistas dunha aventura espacial. Esa mestura de narrativa, deseño e emoción converteu unha misión científica complexa nun relato con alma, que conseguiu que millóns de persoas seguisen a súa viaxe coma se fose o final dunha triloxía de ciencia épica.

#PradoContigo: a arte también nas redes

Durante o confinamento pola pandemia da COVID-19, o Museo do Prado demostrou que un museo clásico pode ter unha voz dixital moderna e próxima: marcou unha xogada mestra. Coa súa iniciativa #PradoContigo, lanzáronse ás redes sociais, logrando levar a arte ás casas con humor, sensibilidade e moito talento.

Cada día, desde Instagram ou Twitter, ofrecían visitas guiadas dixitais, fíos enxeñosos, vídeos explicativos breves e mesmo directos cos seus conservadores. Pero non coma as clases aburridas, non. Contábano case coma se fose unha conversa cun amigo. E así, romperon a barreira entre museo e público: arte en bata e zapatillas.

Entón… comunicar ciencia é só cuestión de “facelo doado”?

Spoiler: non. É cuestión de deseño narrativo. De ter claro a quen lle falas. De usar linguaxe, emoción, ritmo, estética. De contar historias, non só datos.

Porque cando o coñecemento se converte en experiencia, non só te informa. Tócate. Cámbiate.

E si, ás veces mesmo consegue sacarche un sorriso.

Credits

Post image typography:

envato

Post image typography:

Satoshi
Go to top