Non sempre somos realmente conscientes da estreita relación que existe entre a cultura popular e os avances científicos. E non, non nos referimos únicamente a como as tendencias e as preocupacións da sociedade poden influír no desenvolvemento das investigacións, senón tamén a como poden xerar os recursos necesarios para actuar como un auténtico motor indirecto do progreso. Ademais, en moitas ocasións, os avances científicos atopan un eco na cultura popular, onde poden ser interpretados, popularizados ou mesmo cuestionados a través da literatura, o cine ou, por exemplo, a música.
Como bos amantes da música e da ciencia, encantáronnos as historias nas que a primeira pode facilitar o progreso e avanzar da segunda. De feito, unha das nosas favoritas é a que ten como protagonista ao desenvolvemento do TAC, unha das técnicas de diagnóstico máis importantes da actualidade. Sabías que detrás da súa existencia se atopa o éxito de The Beatles?
Si, si. Un dos grupos musicais máis exitosos de todos os tempos compartindo historia coa técnica que transformou por completo o diagnóstico de enfermidades. Antes do TAC, a radiografía era o único método existente para estudar o interior do corpo, pero só mostraba as sombras frontais, o que concluía en que as imaxes dos órganos se tapasen entre si e a imaxe se enturbiase. Pero o TAC permitiu obter fotografías tridimensionais e con moi pouco granulado, facilitando así en gran medida o achado de patoloxías graves e tumores.
Pero de onde nace esa conexión e por que os Beatles tiveron tanto que ver nesta tecnoloxía? A resposta está na súa discográfica: EMI. Ademais de ser unha compañía musical, EMI posuía nos anos 60 unha pequena división tecnolóxica dedicada á investigación científica e á innovación en biotecnoloxía. Non obstante, a compañía non conseguía despegar e, por máis que se esforzaban en sacar adiante os diversos proxectos, os ingresos non eran suficientes para financialos.
Porén, en 1962, EMI asinou un contrato cun grupo de mozos de Liverpool para a edición das súas pistas musicais, que cambiaría o futuro da compañía para sempre. Efectivamente, eran The Beatles. Coa publicación do álbum Please Please me en 1963, un éxito rotundo, os ingresos da compañía comezaron a ascender exponencialmente, e esta puido aumentar os recursos destinados á investigación na súa división máis tecnolóxica.
Para Godfrey Hounsfield, un investigador que traballaba nos laboratorios de EMI, este financiamento foi a súa oportunidade para pór en marcha o proxecto que, desde hai tempo, tiña en mente: a realización de imaxes computarizadas do corpo humano.
Godfrey, coa axuda do seu compañeiro Allan Cormack, comezou entón o seu proxecto soñado: empezou combinando diferentes fotografías do corpo humano, tomadas en ángulos distintos, para poder elaborar unha tomografía e obter unha imaxe tridimensional. Tras iso, propúxose tomar unha imaxe do cerebro, algo case inimaxinable de facer naquela altura coa radiografía tradicional. Pero… ¡Bingo! A imaxe foi nítida e só requiriu 5 minutos. Era o nacemento do TAC.
Xunto coa compañía que o financiou, Godfrey lanzou ao mercado en 1972 o primeiro escáner de Tomografía Axial Computadorizada . E, incluso, no ano 1979, Hounsfield e Cormack foron galardoados co Premio Nobel de Medicina pola súa invención. Durante moitos anos, EMI seguiu beneficiándose do éxito de The Beatles e, por tanto, puido seguir financiando a investigación especializada en tomografía. Incluso ofrecía axudas para que se incorporase aos hospitais e centros médicos. Lamentablemente, arredor dos anos 90, a discográfica cesou todos os seus proxectos tecnolóxicos e decidiu dedicarse únicamente ao sector musical.
Así que agora, xa sabes, a próxima vez que escoites Yesterday, Something, Penny Lane ou Here comes the sun, lembra que estarás escoitando a banda que, dalgunha maneira, impulsou o desenvolvemento de algo tan valioso como o TAC.
Non é curioso?