Xenios, escándalos e desaparicións: a BRAVO científica

Xenios, escándalos e desaparicións: a BRAVO científica
Enabled reading mode

Si, os científicos tamén choran, aman, protagonizan escándalos… e pelexan a morte.

Algunha vez pensaches que os grandes científicos eran persoas frías, lóxicas e desapaixoadas, pechadas en laboratorios oscuros facendo cálculos incomprensibles? Pois prepárate para cambiar de idea. Porque se crías que o drama era patrimonio exclusivo das celebridades de Hollywood ou dos protagonistas de realities, traémosche unha nova bomba: a historia da ciencia está salpicada de amoríos prohibidos, grandes escándalos, rancores eternos, xenios torturados e mesmo desaparicións sen resolver.

Imaxina unha revista do corazón, pero chea de nomes que pouco teñen que ver coa prensa rosa. Titulares como:

“Físico prodixio desaparece sen deixar rastro tras unha carta misteriosa”
“Marie Curie e o escándalo amoroso que sacudiu a Academia Francesa”
“Newton a Hooke: “Ódiote tanto que borro a túa cara da historia””
“Schrödinger, entre ecuacións e triángulos amorosos”

Pois ben, benvidas e benvidos á prensa rosa científica, onde os descubrimentos conviven coas paixóns máis humanas.

Ettore Majorana: o físico que desapareceu sen deixar rastro

En 1938, un mozo físico italiano chamado Ettore Majorana sobe a un barco en Nápoles rumbo a Palermo. O último que se sabe del é que comprou un billete de volta… pero ninguén o volveu ver xamais. Non hai corpo, non hai testemuñas, non hai pistas concluíntes. Só unha carta críptica enviada á súa familia e ao seu mentor, Enrico Fermi, na que deixaba entrever un posible suicidio. Pero tamén deixaba unha saída ambigua, coma se quixese que pensasen outra cousa.

Majorana non era un científico calquera. A súa intelixencia era lendaria. Dirac, Fermi, Heisenberg… todos coincidían en que era un xenio de proporcións case míticas. Propuxo conceptos que aínda hoxe fascinan á física moderna, como as partículas que son a súa propia antipartícula. E xusto cando estaba no seu mellor momento, pum!, esfúmase.

Foi un suicidio? Meteuse nun mosteiro? Fuxiu por motivos éticos relacionados coa enerxía nuclear? Foi recrutado por algún servizo secreto? As teorías van do verosímil ao absolutamente novelesco. O certo é que, até o día de hoxe, ninguén puido resolver o enigma Majorana. Incluso houbo rumores de que fora visto en Venezuela a finais dos 70!

Paul Ehrenfest: o xenio que se quebrou

Poucas historias científicas son tan devastadoras como a de Paul Ehrenfest. Foi un dos físicos teóricos máis influentes do século XX. Participou nas grandes discusións sobre a mecánica cuántica, foi íntimo de Einstein, e formou xeracións de científicos brillantes. Pero detrás desa faceta, agochaba unha dor que acabou por consumilo e que protagonizou un dos maiores escándalos da historia da ciencia.

Ehrenfest tiña un fillo cunha discapacidade mental severa. Nunha época na que a comprensión sobre a neurodiversidade era mínima (por non dicir nula), o sufrimento e a desesperación convertéronse nunha carga insoportable. En 1933, levouno a unha clínica, disparoulle… e logo quitouse a vida. Pero máis estremecedor é que deixou unha carta aos seus amigos e colegas explicando a súa decisión con frialdade e tristura, coma se o que fixera fose un acto de amor distorsionado e desesperado.

A comunidade científica quedou en shock. Einstein, Bohr e outros xigantes quedaron paralizados ante os acontecementos. Ninguén comprendía que un acto semellante puidese ser obra do seu bo amigo. Un recordatorio brutal de que mesmo as mentes máis lúcidas poden colapsar.

Marie Curie e Paul Langevin: amor radiactivo

Marie Curie non só foi a primeira persoa en gañar dous premios Nobel en distintas disciplinas (e aínda ninguén a igualou!). Tamén foi a protagonista dun dos maiores escándalos amorosos da ciencia do século XX.

Tras a morte do seu esposo Pierre Curie, Marie volcouse no traballo… e nunha relación con Paul Langevin, un colega físico, tamén brillante, pero casado. O romance estoupo no medio da prensa sensacionalista: fotos, cartas filtradas, ataques misóxinos e xenófobos. Marie era estranxeira, viúva, e científica. Demasiado para a sociedade francesa da época.

A prensa chamouna “a destrutora de fogares”, e un grupo de homes enfurecidos chegou mesmo a apedrar a súa casa. Todo isto mentres Marie estaba nominada por segunda vez ao Nobel. Foi tan grotesco que Einstein, indignado, escribiulle unha carta de apoio dicíndolle: “Non leas ese lixo. Segue camiñando coa cabeza erguida”.

Marie fíxoo. Recibiu o seu segundo Nobel con elegancia. Nunca negou o seu amor por Langevin, pero tampouco deixou que a reducisen a un personaxe de tabloide. Soubo brillar, mesmo cando tentaron apagala.

Newton vs Hooke: ciencia, celos e vinganza

Imaxina dúas mentes brillantes compartindo tempo e espazo… e detestándose a morte. Así foi a relación entre Isaac Newton e Robert Hooke. Hooke era un científico polifacético, pioneiro en óptica, bioloxía e arquitectura. Pero Newton víao como un rival, un obstáculo… e quizais un ladrón de ideas.

Cando Hooke morreu, Newton converteuse en presidente da Royal Society. A súa primeira medida simbólica? Dise que fixo desaparecer o retrato de Hooke da institución. Literalmente borrárono da parede… e case da historia. De feito, até hoxe, non se conserva ningún retrato confirmado do científico. Algúns historiadores dubidan do mito, pero o certo é que Newton aproveitou cada oportunidade para minimizar a obra de Hooke e engrandecer a súa.

A inimizade foi tan grande que hai teorías que afirman que a famosa frase de Newton “Se vin máis lonxe é porque estou sobre os ombreiros de xigantes” non era unha homenaxe, senón unha ironía cruel dirixida a Hooke, que era de baixa estatura e corcovado. Noutras palabras, un dos maiores escándalos da época.

Erwin Schrödinger e o seu diario cuántico do amor

Erwin Schrödinger non só creou un dos experimentos mentais máis famosos da historia (si, o do gato vivo e morto á vez). Tamén viviu unha vida persoal tan singular como as súas ecuacións.

Durante anos compartiu casa coa súa muller e a súa amante, e mantiña un diario onde rexistraba con todo detalle as súas experiencias eróticas e reflexións amorosas. Pero non era só un libertino con bata: vía no desexo e no amor unha fonte de inspiración intelectual. Para el, o pracer e a creatividade estaban entrelazados.

A súa vida sentimental era un vaivén de emocións e complicidades, que a moitos dos seus compañeiros desconcertaba. Ás veces a súa vida parecía máis unha novela bohemia ca unha carreira científica. Pero iso non lle impediu ser un dos pais da mecánica cuántica.

Así que xa ves. Detrás dos premios, as fórmulas e os experimentos, hai persoas, escándalos e sentimentos. Con paixóns, erros, luces e sombras. Persoas reais. Coma ti, coma min. Só que, bueno… un pouco máis brillantes.

Credits

Post image typography:

Wikipedia Commons

Post image typography:

Special Gothic
Go to top