Innovación en xenética para decisións clínicas precisas
Duponte é unha empresa dedicada a desenvolver solucións tecnolóxicas que apoian a profesionais da saúde no ámbito da xenética. A súa misión é transformar a complexidade do xenoma en información clara, rápida e útil mediante o uso de intelixencia artificial. Ofrecen servizos en solucións xenéticas, investigación aplicada e formación científica, co obxectivo de mellorar diagnósticos, tratamentos e estratexias de prevención. Entre as súas iniciativas destaca Matchgénica, unha plataforma impulsada por intelixencia artificial que facilita a interpretación de variantes xenéticas e potencia o labor clínico e investigador.
Desde ingenyus* articulamos a identidade de Duponte cun enfoque estratéxico e humano, creando unha identidade visual sólida e un logotipo que transmiten confianza, innovación e claridade. En paralelo, desenvolvemos unha plataforma web funcional e elegante que achega a xenética tanto a profesionais como a pacientes, a través dunha experiencia dixital intuitiva e accesible.
identidade corporativa e logotipo
Desde a identidade corporativa até a narrativa de marca, en ingenyus* articulamos unha comunicación clara e fiable que reflicte o ADN de Duponte: rigor científico con utilidade real. Cada elemento está deseñado para transmitir accesibilidade, innovación aplicada e o firme compromiso de poñer a xenética ao servizo de todas as persoas.
Partimos dun símbolo inspirado na cadea de ADN, sólido na súa orixe pero demasiado común no sector. Era necesario dar un paso adiante e dotar a marca dun relato máis propio. Así xorde a ponte, un concepto que expresa a verdadeira esencia de Duponte: conectar a excelencia xenómica coa práctica clínica, e facelo dun modo dinámico, versátil e en constante evolución.


Para reforzar esta diferenciación, traballamos sobre dous eixos clave: tipografía e cor. A nova tipografía, fluída e orgánica, transmite innovación e proximidade, eliminando a rixidez da versión anterior. En paralelo, simplificamos a paleta cromática para mellorar a memorabilidade: un verde flúor como cor principal e un azul tecnolóxico que achega solidez e modernidade. O contraste entre ambos xera unha linguaxe visual potente e disruptiva.
O resultado é unha identidade visual coherente e diferenciadora, capaz de transmitir confianza, innovación e profesionalismo, e aliñada coa misión de Duponte: facer que a xenética traballe para todos dun xeito claro, útil e accesible.

deseño web
Transformamos la identidade corporativa de Duponte nunha experiencia dixital coherente e efectiva. A web non se limita a replicar visualmente a marca, senón que a proxecta nun contorno no que a complexidade xenética se traduce nun percorrido intuitivo e accesible, mantendo sempre o rigor científico como eixo central.
Deseñamos un espazo dixital minimalista e funcional, onde cada elemento ten un propósito: priorizar a claridade, a accesibilidade e a usabilidade. A arquitectura da información e a xerarquía visual foron pensadas con coidado para que tanto profesionais da saúde como pacientes atopen con facilidade o que buscan, sen friccións nin distraccións.
Cada interacción está optimizada para guiar á persoa usuaria con naturalidade, reforzando a confianza na marca e transmitindo o seu valor diferencial: liderar a revolución xenética con innovación e humanidade. O resultado é unha plataforma dixital que non só comunica, senón que tamén conecta, acompaña e potencia o traballo de quen se apoia en Duponte.